Skip to main content
Parece que está usando Internet Explorer 11 o una versión anterior. Este sitio web funciona mejor con navegadores modernos como las últimas versiones de Chrome, Firefox, Safari y Edge. Si continúa con este navegador, es posible que vea resultados inespera

Acordos transformativos da UDC para publicar en acceso aberto: Negociacións da CRUE

Guía de descrición dos acordos transformativos existentes na UDC e os seus requisitos de cara ao persoal investigador.

Negociacións da CRUE

Dende hai meses a CRUE (Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas) está a levar a cabo negociacións a escala nacional coas editoriais Elsevier, Wiley, Springer e ACS para alcanzar acordos transformativos para todas as universidades españolas, tanto polo peso económico que teñen estas editoriais para as universidades, como polo feito de que os contratos vixentes con elas están a finalizar. O obxectivo é alcanzar un acordo transformativo que permita á comunidade investigadora das universidades:

  • Seguir tendo acceso ás revistas subscritas
  • Publicar en acceso aberto, sen ningún pago individualizado (APC), os artigos resultado das súas investigacións nas revistas subscritas
  • Publicar en revistas que sexan de acceso aberto (clasificadas como Gold ou Full OA), coa única condición de que o/a autor/a pertenza a algunha das institucións incluídas na negociación

Cos acordos transformativos pretenden aliñarse con outros países da Unión Europea que xa os alcanzaron e cumprir cos mandatos propios e alleos de acceso aberto.

Plan de continxencia

No caso de que no proceso de negociación non se chegue a ningún acordo cunha determinada editorial e consecuentemente non se poda acceder aos seus recursos, dende o Servizo de Biblioteca podemos recomendar ao persoal investigador as seguintes alternativas para tentar acceder á información que precisen:

  • Utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario

O Servizo de Biblioteca da UDC ofrece o servizo de préstamo interbibliotecario para localizar e solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte das colecciós das bibliotecas da nosa universidade. Neste caso podería utilizarse para solicitar unha copia do artigo ao cal o/a investigador/a quere acceder.

        
  • Instalar un plugin no navegador

Hai varios plugins que poden instalarse en navegadores como Chrome ou Firefox que indican se existe unha versión dun artigo dispoñible en acceso gratuíto, ben sexa porque está nun repositorio, publicouse en aberto ou a editorial decidise ofrecelo en acceso gratuíto. Entre estas extensións destacan UnpaywallOpen Access Button e EndNote Click. Atoparedes máis información sobre elas na páxina Extensións do navegador para acceder a documentos de acceso aberto da web da biblioteca.

  • Buscar o artigo nun repositorio ou buscador científico

É posible que haxa repositorios temáticos ou institucionais nos que as persoas autoras depositan copias dos seus artigos, polo que vale a pena comprobar se o artigo que se está a buscar xa está en liña gratuitamente. Na web da biblioteca podedes atopar unha relación dos repositorios de documentos en acceso aberto máis destacados.

Tamén poden ser útiles buscadores científicos como BASE (un dos máis robustos do mundo, especialmente para recursos web académicos) ou agregadores como CORE (que recompila máis de 200 millóns de artigos en acceso aberto de revistas de todo o mundo).

                                                                                                                 
  • Contactar directamente cos/as autores/as

O persoal investigador que necesite acceder a un artigo pode contactar directamente co seu autor/a e solicitarllo para o seu uso individual, xa que moitos autores/as comparten o seu traballo se a política de copyright asinada coa revista permítello. O nome do/a autor/a e a institución á que pertence adoitan aparecer na páxina de vista previa do artigo na maioría de plataformas editoriais.

Ademais, a través de redes sociais científicas como ResearchGate ou Academia pódese contactar cos/as autores/as e solicitarlles unha copia do artigo mediante as opcións que aparecen nesas redes.

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons